É voz de orixe árabe, AL–DAYA, ‘pobo con poucos veciños, campo, finca rústica, casal’.
A aldea é a forma básica de poboamento en Galicia e supón unha comunidade social perfectamente definida, con fondas raiceiras históricas. Desa maneira de signamos a maior parte das entidades de poboación galegas e, nalgunhas ocasións, precede ó nome destas, como ocorre neste caso que comentamos.
A Aldea da Igrexa (apocopado, Dea da Igrexa) conforma o núcleo que medrou á beira da igrexa parroquial de San Xián Laíño. Deberá figurar así no Nomenclátor pois non hai quen lle chame A Igrexa tal e como aparece nel. En Imo, Manselle, no Rialiño e noutros lugares do concello hai A Aldea de Riba e A Aldea de Baixo. Os da parte de baixo da parroquia de San Xián, a Pexegueiro, Traxeito, Paizal e O Rialiño chamámoslle as aldeas de riba e eles a nós as aldeas de baixo. Para os de San Xoán, A Devesa, Teaio e Bustelo son as aldeas do monte.